_agenda Agenda

Os Bolechas cantan as súas andanzas en Tui

Os personaxes máis famosos de Pepe Carreiro toman vida hoxe no Teatro Municipal de Tui (20 horas). Caramuxo Teatro presenta ‘Os Bolechas’ unha obra de monicreques a modo de comedia musical coa que Tui abre o programa cultural de 2010. A banda sonora está creada pola compañía e interpretada por músicos da Xoven Orquestra Sinfónica de Galicia e a representación inclúe partes musicais cantadas e outras melodías que buscan crear diferentes ambientes na escena.

Os bonecos empregados no espectáculo son tipo Muppets tallados en gomaescuma por Marcelo Fernández, recoñecido titiriteiro arxentino, que ten realizados diferentes traballos para teatro, cinema e televisión en diferentes lugares do mundo. A obra, cunha duración de 50 minutos, foi estreada no mes de outubro en Ames e, dende entón, xa foi vista por máis de 7.000 espectadores nas 35 funcións realizadas.

As entradas para o espectáculo, que custan entre 2 e 4 euros, están xa á venda na web ata o venres ás 16:30 horas. Ese mesmo día, de 18:30 a 20 horas, poderán mercarse no despacho de billetes da Área Panorámica.

A compañía

Caramuxo Teatro é unha compañía creada en 2003 na Coruña e dedicada ao público infantil e xuvenil. Realizan espectáculos para diferentes idades, dende bebés ata adolescentes, empregando técnicas diversas coma teatro de actor, monicreques de mesa, de luva ou teatro de rúa. Teñen participado en diferentes mostras, feiras e festivais con máis dunha ducia de montaxes.

Agora chegan con ‘Os Bolechas’, un gran éxito editorial galego que a modo de monicreques amosa un día na vida desta divertida familia. Coñeceremos as ocorrencias do pequeno Tatá, as travesuras de Chispa, a Braulio e Sonia, as xemelgas Pili e Loli, e ao irmá máis vello Carlos. O texto está creado en colaboración entre a compañía e o autor dos Bolechas, Pepe Carreiro.

También te puede interesar