O pasado domingo, día 7 de febreiro, a bailarina mosense Patricia Martínez e a súa parella, Adrián Esperón, xunto coa que leva competindo catro anos, acadaron por segundo ano consecutivo o título de campións de España dos Dez Bailes de Salón na Categoría Absoluta (adultos).
Estas dúas promesas do baile de salón agradécenlle e adícanlle este triunfo fundamentalmente ó seu entrenador, Miguel Abreu, ós seus compañeiros e ós seus respectivos pais. A todos eles considéranos a “base principal para que esteamos bailando a tan alto nivel”.
Pola súa banda o concelleiro de Deportes de Mos, Alberto Méndez, declarou hoxe sentirse “orgullosísimo de Patricia pola fulgurante carreira que está a facer dentro do mundo do baile de salón”. “Dende o Concello considerámola unha das xoias do deporte mosense e un exemplo de esforzo, traballo e constancia; desexámoslle que siga colleitando moitos premios máis coma o que conseguiu o domingo e esperamos poder vela subida ós podios durante moitos anos, porque o merece”, insistiu o edil Alberto Méndez, asegurando tamén que “Patricia pode contar co apoio incondicional da concellería de Deportes e de todo o Concello de Mos”.