Ferrán Adriá rompera o seu descanso en Vigo. O Consello Social organiza un acto de recoñecemento ás empresas que colaboran coa Universidade de Vigo que contará coa presenza como convidado do cociñeiro. Este evento terá lugar o vindeiro 23 de febreiro na Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias do campus de Vigo como un xeito de resaltar a importancia deste vínculo entre as empresas e a institución académica pero tamén co obxectivo de reforzalo de cara ao futuro, abrindo camiños de encontro entre universidade e sociedade.
A presenza de Adriá neste acto servirá para poñer enriba da mesa o papel da creatividade nos procesos de I+D+i e, polo tanto, na transferencia de coñecemento entre universidade e empresa. Segundo explicou Atrio, “os tres piares básicos do I+D+i non só se producen na industria, senón en todo tipo de actividades, incluída a cociña, á que esperamos que volva despois destes dous anos sabáticos, nos que se dedicará a dar renda solta á súa imaxinación”. Precisamente como adaíl da creación e da imaxinación, Adriá preguntarase na súa conferencia canto pode durar a creatividade. Segundo o reitor “se nos empeñamos moito, moito tempo”, xa que é o xermolo do coñecemento e da innovación. O cociñeiro máis afamado do mundo é doutor honoris causa, a parte de ser responsable dun programa creativo específico da Universidade de Harvard, coa que colabora sistematicamente.
Nesta segunda edición dos premios homenaxearase a preto de 300 empresas tanto da contorna como de fóra incluso de España. Para o acto, o convidado será “o mellor cociñeiro do mundo, Ferrán Adriá” en palabras do presidente do Consello Social, Emilio Atrio. O chef será o encargado, na súa conferencia, de poñer en valor a creatividade como compoñente imprescindible a innovación.
O reitor, Alberto Gago, agradeceu esta oportunidade de poder mostrarlle ás empresas “o noso agradecemento por compartir con nós actividades formativas, de xeración de coñecemento, de innovación e tamén actividades de creación de empresas de base tecnolóxica pero tamén nos centros tecnolóxicos nos que compartimos padroado coas empresas. En resumo, todas aquelas que cren no noso traballo”.