A biblioteca municipal de Tui consolídase como un servizo de éxito entre os tudenses en parte gracias a un ano plagado de iniciativas e boas novas, como a concesión por cuarto ano consecutivo dun dos premios ‘María Moliner’ pola súa labor bibliotecaria; a posta en marcha dunha ‘comiteca’ cunha escolma de fondos de banda deseñada para todas as idades ou como a posta en funcionamento dunha web con información da biblioteca e das súas actividades que xa visitaron 3.557 personas en tan só tres meses.
O ano pasado 31.512 usuarios, uns 105 diarios, pasaron pola biblioteca municipal, o que supón un incremento do 25% respecto ao ano 2008 en que foran 25.069 os usuarios. Similar incremento experiméntase no número de libros retirados en empréstito domiciliario polos socios da Biblioteca que chegaron a 5.374 libros (2.826 da sección adultos e 2.548 da sección infantil) aumentando tamén arredor dun 25% en relación aos 4.295 libros emprestados ao longo de 2008.
Cifras aínda lonxanas aos estándares internacionais pero satisfactorias para os responsables deste servizo, especialmente no incremento dos libros emprestados xa que supoñen un aval á liña de traballo desenvolvida neste centro bibliotecario nos últimos tempos. Así o aumento de 2.056 novos títulos da colección bibliográfica, que alcanza os 28.552 volumes, incorporando as novidades editoriais logran fidelizar aos nosos usuarios e incrementar significativamente o movemento dos fondos bibliográficos.
Actividades
Ao longo de 2009 a Biblioteca Municipal de Tui desenvolveu diversas actividades de promoción da lectura con actividades esporádicas ou con outras de carácter permanente, como o Clube de Lectura, que reúne a 13 personas quincenalmente para comentar libros; as visitas escolares, con 790 alumnos; a ‘Bibliopiscina’ para os meses estivais; ou o ‘Lendo espero’, un lugar de lectura na sala de espera de pediatría.
En todo o ano realizáronse 23 actividades de animación á lectura dirixidos especialmente a nenos, aínda que por vez primeira tamén se organizaron para outros segmentos de idade: houbo contacontos para adultos, unha sesión de formación para nais e pais e obradoiros de banda deseñada para os mozos.