O presidente da Xunta, anunciou hoxe, na rolda de prensa posterior ao Consello, un Plan Director de Banda Larga 2010-2013 que “mobilizará 232 millóns de euros e que suporá que o 100% da poboación galega poida ter acceso a esta tecnoloxía”. Feijóo salientou que “a situación actual de Galicia é claramente insuficiente”, con “case 800.000 galegos, o 30% da poboación, que non teñen acceso á banda larga”. “O 41% das 1.821 unidades de poboación nas que existe algún punto de demanda de banda, non a teñen; é dicir: o 30% dos centros sanitarios, o 25% dos centros educativos, e o 10% dos xulgados”, incidiu.
Ademais, o presidente galego lembrou que “máis do 16% das empresas, porcentaxe moito maior no medio rural, non teñen acceso a banda larga. O 64% das explotacións agrarias non teñen acceso; e o 51% das casas de turismo tampouco”.
Para paliar este déficit, amosou o seu compromiso de achegar a banda larga “ao 100% da poboación”. “O 94% contará con acceso a banda larga de calidade –o 100% dos núcleos con máis de 100 habitante e o 70% dos núcleos con menos de 100 habitantes- terá aceso a banda larga de calidade. O 6% restante terá cobertura a través do satélite”, explicou.
Así mesmo, destacou Feijóo, “o 100% dos núcleos con demanda pública, é dicir, núcleos onde exista un colexio, un centro sanitario ou un xulgado de paz, terán acceso a banda larga de calidade”. Ademais, o Plan garante o acceso a esta tecnoloxía do “96% das empresas, incluídos todos os polígonos industrias”, ao tempo que asegura que o “37% da poboación, máis ou menos un millón de persoas, terán aceso a cobertura de rede de nova xeración, é dicir, de 100 megas”.
Por último, explicou Feijóo, este Plan Director de Banda Larga fará especial fincapé, nos seus comezos, nas “provincias de máis dificultade: Lugo e Ourense”. “O ano que ven reduciremos o 50% da fenda dixital existente nestas dúas provincias que están en peores situacións”, aseverou.