A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, a través da súa Fundación Axencia Humanitaria de Galicia (FAHG), vén de aprobar dous proxectos de axuda humanitaria para Haití. Estes proxectos son os primeiros que recibiron o visto bo dentro da convocatoria de subvencións para iniciativas humanitarias no exterior 2010, aprobada polo Consello da Xunta de Galicia, cun crédito de 300.000 euros. As ONGD beneficiarias serán Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e Solidariedade Internacional de Galicia recibirán, entre as dúas, máis de 93.000 euros.
O primeiro dos proxectos resolto e aprobado é de axuda de emerxencia á poboación damnificada polo terremoto en Jacmel, localidade ao sudeste de Haití, e ten por obxectivo reducir as condicións de vulnerabilidade da poboación afectada polo terremoto nesta zona, a través da cobertura das súas necesidades básicas de auga, material de cociña, refuxio, hixiene, saneamento e roupa. A iniciativa durará seis meses e contará cunha subvención de 41.914,43 euros por parte da FAHG. Beneficiará directamente a 875 persoas e indirectamente ata 40.000.
A ACPP executou nos últimos 3 anos un total de 104 proxectos de axuda humanitaria e de emerxencia, principalmente nas áreas de Caribe e Centroamérica (Haití, República Dominicana, Cuba, O Salvador) e en Palestina, traballando tanto en axuda de primeira emerxencia, post-emerxencia, reconstrución e preparación ante desastres naturais. Concretamente en Haití, e durante estes últimos tres anos, teñen traballado e proxectos de emerxencia tras o paso dos furacáns Gustav, Hanna, Dean e Noel; e nos proxectos de seguridade alimentaria no Departamento do Sureste.
A ONGD contará cunha organización local socia, a Coordination Régionale des Organisations du Sud – Est (CROSE/KROS), encargada de promover e fortalecer as organizacións sociais do departamento do Sudeste e a participación ciudadana das mulleres e os homes de Haití. CROSE conta cunha ampla experiencia en axuda humanitaria nesa zona e mesmo colabora desde o ano pasado co programa Mundial de Alimentos de Naciones Unidas (PMA), en actividades como o reparto de alimentos en comedores escolares públicos ou traballando na prevención de riscos climáticos, entre outras.
Soliedaridade Internacional de Galicia
Pola súa banda, Solidariedade Internacional de Galicia realizará unha intervención de post- emerxencia na sección comunal de Bainet, departamento do sureste de Haití. O proxecto busca mellorar as condicións de refuxio das persoas afectadas polo terremoto neste territorio, para o cal se disporá de tendas de refuxio temporal, sabas, colchóns, mosquiteiros, kits hixiénicos de alimentos e de cociña. Este proxecto será trimestral, contará cunha subvención de 51.566,28 euros e beneficiará a unhas 700 persoas, de xeito directo, e indirectamente a máis de 35.000 haitianos.
Solidariedade Internacional conta cunha ampla experiencia na xestión de emerxencias en diferentes lugares, como Perú, Colombia, Guatemala, e a franxa de Gaza. Para esta iniciativa conta coa colaboración da súa socia no terreo, a Asociación de Técnicos para a Promoción da Agricultura e a Protección do Medio Ambiente do Sudeste (ATEPASE), con experiencia en proxectos na zona de Bainet, debido ao seu carácter rural e fundamentalmente agrícola. Ademais, ATEPASE, tamén ten colaborado coa Axencia Española de Cooperación Internacional na mellora das condicións de seguridade alimentaria
Na avaliación dos proxectos tivéronse en conta criterios como a experiencia en accións humanitarias das entidades solicitantes, a súa capacidade de execución, aspectos relacionados cos socios locais e co propio contido do proxecto, como a súa pertinencia, a coherencia dos obxectivos, a poboación beneficiaria, o impacto ambiental e de xénero ou o fortalecemento das capacidades locais.