A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Carmen Gallego, presentará unha Interpelación ao Goberno no Pleno da Cámara que comeza o martes na que denuncia a “tardanza” da Xunta na posta en marcha da Cidade do Mar de Vigo. Lembra que Xunta e Goberno central acadaron un acordo para crear un campus científico – tecnolóxico mariño neste proxecto.
A parlamentaria socialista sinala que o proxecto “é tan importante para Galicia nun campo no que podemos ser referencia a nivel internacional que non entendemos a tardanza do actual goberno de Galicia en definir o seu avance”. Insta neste sentido ao presidente da Xunta a “dar unha resposta a este proxecto con urxencia, xa que Vigo, Galicia e a comunidade científica non poden perder máis tempo” diante da crise económica actual.
O proxecto contempla a creación de equipamentos científico-técnicos, equipamentos de promoción económica e equipamentos de ocio, incluíndo a posta en marcha do Centro Atlántico de Investigacións Mariñas, ou catro novas unidades técnicas de investigación nas áreas de contaminación mariña, avaliación de recursos pesqueiros e marisqueiros, acuicultura e socioeconomía pesqueira.
Dixo que Feijóo non foi capaz aínda de dicir, desde que é presidente do Goberno, si quere ou non facer este proxecto na ETEA –Escola de Transmisións Eléctricas da Armada- de Vigo e os socialistas, engadiu, “queremos que este proxecto se faga na ETEA, e parece, polas manifestacións públicas, que o mundo científico tamén, e agradecemos especialmente o esforzo que está a levar a cabo a universidade de Vigo, co seu reitor á fronte, para poñer en valor este proxecto que axudaría á recuperación da nosa economía nesta conxuntura”.