Unha escolma da colección de fotografías do Fondo Blanco-Cicerón, con preto de 500 imaxes de mediados do século XIX. O Concello de Tui inaugura hoxe (20 h) na sala municipal de exposicións a mostra ‘Olladas dunha época’, na que se recollen 81 instantáneas de paisaxes e monumentos de distintas vilas galegas, retratos (como o do inventor Isaac Peral) e acontecementos relevantes, como a inauguración da Ponte Internacional de Tui en 1886.
Entre as obras escollidas das doadas polos herdeiros ao Museo do Pobo Galego de Santiago destacan tamén unha selección de imaxes da Exposición Rexional Galega de 1909, algo sen precedentes en Galicia: 600 instalacións en 11 pavillóns nos que se expuxeron 10.000 pezas de arqueoloxía, obras de arte e historia.
O autor
Ricardo Blanco-Cicerón naceu en Tui no ano 1844 e foi unha figura excepcional na cultura galega pola súa afección ao coleccionismo, o que posibilitou a conservación e recuperación de numerosos elementos do patrimonio cultural de Galicia.