A Concellería de Medio Ambiente, Sanidade e Consumo porá en marcha a partir do mes de marzo un renovado programa ambiental “Camiño a Camiño…e máis” que neste ano ofrece novidades como as denominadas o Camiño de Santiago, as rutas nocturnas e a convocatoria Vigodiversidade. A edil de Medioambiente, Chus Lago, destacou na presentación do programa que representa unha iniciativa multidisciplinar aberta a todas a idades para facer rutas de sendeirismo polos entornos máis significativos do municipio de Vigo e do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, así como participación en observación de estrelas.
A primeira parte do programa comezará o primeiro domingo de marzo, día 7, e concluirá o domingo 26 de xuño. Durante os catro meses do programa levarán a cabo un total de 27 iniciativas que terán lugar todos os fins semana de cada mes ininterrompidamente. As actividades dentro do municipio serán gratuítas e fóra do municipio (gratuítas no 95% do custo total). Antes do inicio de cada ruta os asistentes terán á súa disposición información descargable da web onde poderán informarse do percorrido que van facer e das posibilidades que este ofrece ao visitante en relación coa flora, fauna e otros aspectos do lugar motivo da actividade.
O equipo humano que facilitará o desenvolvemento práctico das actividades estará composto por máis de 53 profesionais (biólogos, gardas forestais, oceanógrafos, monitor) que se encargarán de guiar e atender en todo momento as necesidades dos participantes nas diferentes actuacións do programa. Así mesmo, encargaranse de explicar de xeito sinxelo e coloquial as diversas especies de flora e fauna existentes en cada ruta e de promover, a través do coñecemento do medio, a importancia da conservación dos espazos naturais e dun desenvolvemento sostible do hábitat.
Soportes informativos
O programa terá unha serie de soportes informativos a través dos cales as persoas que o desexen poderán acceder a toda a información de “Camiño a Camiño…e máis” . Ademais da páxina web da Concellaría de Medio, Sanidade e Consumo, distribuiranse 500 calendarios e 5.000 dípticos en Asociacións de Veciños, colexios, institutos e centros socioculturais do municipio. Os participantes deberán incribirse previamente para reservar a súa praza en cada ruta a través do Servizo de Atención Telefónica do Concello de Vigo-010- o luns anterior a cada ruta.
Segundo a concelleira Chus Lago, “Camiño a Camiño…e máis” divídese en dous eixos principais: por unha banda as actividades de Camiño a Camiño que son as rutas de sendeirismo polo municipio vigués e as xornadas de 1 día e de fin de semana nas Illas Cíes, e por outra banda as actividades dentro do apartado “E máis” que se inclúen as novidades deste ano: o Camiño de Santiago, as rutas nocturnas e Vigodiversidade.