
O vindeiro pleno de Salvaterra terá un obxectivo claro: intentar aprobar medidas para revitalizar o pequeno comercio da vila. E algo fundamental é, segundo o grupo nacionalista, realizar melloras na praza de abastos. O BNG levará esta moción ao próximo pleno para que se arranxe o tellado do mercado, a climatización interior, os problemas de condensación e a modernización de postos e aseos, ademáis de “elaborar unha planificación seria da actividade comercial de Salvaterra”.
“Aínda que Arturo Grandal se escuse dicindo que o mercado recibiu un premio do Colexio de Arquitectos de Vigo para non acondicionar o edificio, son unhas instalacións de hai máis de 25 anos, que é preciso mellorar”, apunta o concelleiro nacionalista. Asemade, defende que é preciso actualizar o regulamento destas instalacións municipais, permitindo a compatibilización da venda de diferentes produtos para “dar resposta ás necesidades actuais do comercio”, asegura o portavoz nacionalista Gabriel Martínez.
Por outra banda, o BNG levará unha moción sobre a falta de espazos reservados para a carga e descarga en toda a vila e a comunicación coas parroquias, indispensable para axilizar a actividade comercial no casco urbano.