Galicia rexistrou no mes de xaneiro un total de 2.966 accidentes con baixa en xornada laboral, dos que a meirande parte, un total de 2.920 foron sinistros leves, que incrementaron o seu número respecto ao mesmo mes do pasado ano nun 20,56% ao pasar dos 2.422 de 2009 aos 2.920 de xaneiro de 2010.
Mentres, os accidentes mortais en xornada laboral en xaneiro diminuíron un 68,54% en relación co mesmo mes do ano anterior, ao pasar de trece (13) a cinco (5). En Pontevedra non se produciu ningún, un en Lugo, e dous nas provincias de A Coruña e Ourense.
Diferenciando por sectores, o que presentou o maior aumento foi o da pesca onde a suba dos 84 accidentes de 2009 aos 117 de xaneiro de 2010 supón un 39,29%, seguido da construción cun 27,45% de incremento, pasando de 459 a 585 os accidentes producidos neste sector en xaneiro. Pola contra, produciuse unha diminución dun 9,62% na agricultura, que baixou de 104 accidentes en xaneiro de 2009 a 94 neste ano.
Agás na agricultura que tivo un lixeiro descenso do 0,38%, todos os sectores experimentaron un aumento no índice de incidencia; o maior corresponde á construcción, cun incremento do 44,89%, seguida da pesca cunha variación do 43,08%.
Accidentes graves e mortais
Os accidentes graves subiron un 10,81%, pasando de 37 en xaneiro do ano pasado a 41 neste ano. Por provincias, na Coruña experimentaron un descenso do 13,64%, ao contabilizarse 19 neste xaneiro fronte aos 22 do do ano pasado. Tamén en Lugo se deu unha diminución do 25% ao baixar de 4 a 3. Pola contra, en Ourense, ao pasar de 2 a 4 os accidentes graves, o incremento foi do 100%, e en Pontevedra, a suba de 9 en xaneiro de 2009 a 15 accidentes graves en xaneiro de 2010 supón un aumento do 66,66%.
Neste mes non se contabilizou ningún accidente mortal in itínere, e decir, no camiño de ida ou volta entre o domicilio e o traballo.
A análise das causas dos sinistros mortais en xornada laboral reflicte que dos cinco producidos, dous (40%) foron por “golpe sobre ou contra un obxecto inmóbil resultado dunha caída do traballador”; un por “golpe resultado dun tropezo sobre ou contra un obxecto inmóvil” (20%); un por “choque ou golpe contra un obxecto ou fragmentos proxectados” (20%), e outro por “colisión cun obxecto, veículo ou persoa-traballador en movemento” (20%).
O Issga ten activado un plan de actuación para o 2010 a través do que se actuará prioritariamente en empresas que concentren maiores índices de sinistralidade no seu sector económico. Ademais está a traballar na posta en marcha de plans específicos en sectores de alto risco como a construción e a pesca.