A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica puxo en marcha a Oficina do Plan de Banda Larga para ofrecer aos operadores e axentes implicados asesoramento e soporte técnico no desenvolvemento de proxectos e á cidadanía unha resposta rápida á demanda de información, tanto sobre a implantación das novas redes como sobre posibles incidencias. O centro exercerá tamén de elemento coordinador das distintas actuacións derivadas do Plan.
Tanto cidadáns como axentes implicados no despregamento da banda larga poden solicitar información a través do teléfono 981 95 78 68, en horario de 9:00 a 15:00h de luns a venres, e na dirección de correo electrónico [email protected].
Punto único de referencia
A Oficina do Plan de Banda Larga permite centralizar e canalizar toda a información sobre o despregamento das infraestruturas previstas cunha visión global do proceso así como fomentar o avance homoxéneo das distintas actuacións con eficiencia e efectividade. En canto aos colectivos interesados, os usuarios teñen na Oficina un punto único de referencia para formular calquera dúbida ou incidencia ao igual que os operadores e axentes implicados, que atoparán neste centro apoio en todo o relacionado coa implantación do plan e información sobre o progreso das diferentes actuacións derivadas do mesmo.
Como elemento coordinador a Oficina supervisará a xestión das iniciativas e actuacións co obxectivo de asegurar a súa execución dentro dos prazos e orzamentos previstos. Minimizar riscos e eliminar barreiras que afecten ao desenvolvemento do plan tamén son funcións que competen a oficina. A entrada en funcionamento deste centro intégrase no conxunto de medidas previstas para facilitar e axilizar o despregamento da banda larga.
O Plan Director de Banda Larga, presentado o pasado 19 de febreiro, constitúe o marco estratéxico de actuación destinado a que a práctica totalidade dos cidadáns e empresas galegas teñan acceso de calidade á banda larga dentro de catro anos. O obxectivo final do Plan é que en 2013 o 94% da poboación galega conte coa posibilidade de acceso a un servizo de banda larga de calidade cubrindo a demanda do 6% restante a través de servizos de acceso vía satélite. A web www.imit.xunta.es ofrece máis información sobre as medidas recollidas no Plan e sobre o conxunto de actuacións que está poñer en marcha a Secretaría de Modernización e Innovación Tecnolóxica para impulsar as TIC.