Comarcas

Os concellos da Área Metropolitana xa poden contratar ao personal para os Grupos Municipais de Intervención Rápida (GRUMIR)

Grumir (Fotografía: Dani Gestoso) Os concellos de Redondela, O Porriño, Salceda de Caselas ademais da Mancomunidade do Val Miñor poderán comezar as contratacións dos efectivos dos Grupos Municipais de Intervención Rápida (Grumir) nos vindeiros días, dous meses antes do que viña sucedendo ata o de agora.

Hoxe publícase no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde de programas de cooperación con entidades locais para o 2010, na que se inclúe coma novidade a posibilidade de contratar aos equipos de xeito inmediato para atender urxencias e imprevistos. Así, e sen ter que esperar a que exista unha resolución en firme sobre as peticións, os concellos poderán contratar os Grumir xa no mes de marzo. Cunha autorización do departamento de Traballo, remitida de inmediato tras recibir a solicitude, bastará para dar de alta a estes traballadores sen ter que esperar ao mes de maio, cando se prevé que se poidan notificar as resolucións oficiais.

Polo que respecta á distribución dos Grumir na provincia, mantense a estrutura acordada entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e que ven funcionando nos últimos anos. Isto significa que, no ámbito da Delegación Territorial da Xunta en Vigo, serán en total tres concellos, ademais da Mancomunidade do Val Miñor, os que disporán deste servizo, e cada un deles poderá contratar a un máximo de 12 traballadores.

Os concellos que dispoñen de grupos de intervención rápida no ámbito da Delegación Territorial son O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas e a Mancomunidade do Val Miñor (Baiona, Nigrán e Gondomar), o que suma un total de 48 contratos para traballadores desempregados no ámbito territorial.

Este programa forma parte das axudas que a Consellería de Traballo e Benestar convoca no marco dos Plans de Cooperación coas entidades locais para subvencionar a contratación de traballadores e traballadoras desempregados para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social. O financiamento que a Xunta destina este ano aos programas de cooperación ascende a 41,9 millóns de euros e posibilitará a contratación de 4.000 galegos desempregados

 

 

 

 

También te puede interesar