O alcalde e o Secretario de Estado de Planificación e Infraestruturas do Ministerio de Fomento, Victor Morlán, acordaron hoxe xoves “minimizar o impacto” do trazado de saída do AVE na cidade olívica, en dirección a Portugal.
En rolda de prensa posterior a unha reunión de traballo, Caballero e Morlán adiantaron que os técnicos do Concello e do Ministerio de Fomento estudarán conxuntamente as distintas alternativas para o traxecto vigués ata O Porriño, e unha das posibilidades abordadas será a saída da Alta Velocidade soterrada, tal e como accederá á estación de Urzáiz desde o norte da cidade.
“Case hai que empezar de novo o estudo informativo“, constatou o Secretario de Estado sobre a afección no municipio vigués da saída do AVE ata Portugal, debido á “forte oposición” mostrada por Vigo ao proxecto anterior, que mantivo bloqueada esta variante durante anos.
“A saída sur está a ser desbloqueada“, afirmou o alcalde, quen agradeceu ao Secretario de Estado que Fomento “apostara e siga a apostar pola cidade”. Morlán, pola súa banda, avogou por un traxecto ata O Porriño que non cree “efectos pantalla” entre barrios vigueses que dividan a cidade.
Tal e como apuntou, a intención do Secretario de Estado é “consensuar cos concellos o trazado que vai unir Vigo coa fronteira portuguesa” -que afecta a Vigo, Mos, Salceda, O Porriño e Tui-, xa que “nin España nin Portugal renuncian á conexión entre Porto e Vigo” da Alta Velocidade ferroviaria.
Abel Caballero e Victor Morlán aseguraron que as infraestruturas de Fomento en Vigo son “unha realidade imparable“, en verbas do alcalde, e citaron o túnel de acceso norte do AVE a Vigo,en construcción, e a estación ferroviaria de Guixar, que dará servizo mentres dure a edificación da nova terminal de Urzáiz.