O Instituto Galego de Vivenda e Solo comunicoulles en xullo de 2009 a Zona Franca e Autoridade Portuaria de Vigo que o decreto de pago do recurso mineiro fora aprobado con informes favorables da Asesoría Xurídica e de Intervención e que aparece reflectido tamén nunha acta de Comisión de Seguimento da Plataforma Logística Salvaterra-As Neves.
Agora que se cumpren 100 días do encerro no Concello de Salvaterra, os afectados coas actas na man comezan a comprender por qué non se tramitou un expediente de anulación do decreto e ven cada vez máis posibilidades ao contencioso presentado pola Asociación de Afectados esixindo a execución do convenio e xa admitido a trámite polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que suporía o pago dunha indemnización de 7,7 millóns de euros que debería pagar Xunta, Zona Franca e Porto.
O Goberno autonómico negouse a pagar trala negativa das outras dúas entidades de afrontar a súa parte e respaldándose na inexistencia de informes favorables. Promotores e consellería deciden nunha “sesión ilegal” o pasado mes de xaneiro executar as sentencias cando estas foran firmes.
Para os afectados, que teñen as actas dende hai unha semana, estas “van revelando pouco a pouco o cambalache montado polas tres institucións para non asumir o cumprimento do acordo tomado polo goberno anterior nun exercicio temerario, raiando a prevaricación”.