Será entre o 2 e o 4 de abril. O Club Baloncesto Seis do Nadal-Coia será o encargado de organizar a terceira edición do Torneo Internacional Cadete 2010 despois da gran acollida das edicións anteriores. Disputarase nas instalacións do pavillón municipal de Balaídos e reunirá a un total de 18 equipos, máis de 250 deportistas e 40 técnicos procedentes tanto de Vigo como do resto de Galicia, doutras comunidades e incluso de Portugal.
O torneo dará cabida a tres categorías: o día 2 disputarase a categoría cadete masculina serie B, o sábado a cadete femenina e, o domingo, pechará o torneo a cadete masculina serie A. Nesta nova edición o torneo contará coa presenza do Club Baloncesto Agustinos de León, do FC Porto, do GDG Basquetebol de Nazaré, do Basquet Coruña, do CB Arxil de Pontevedra, do Rosalía Santiago, do CB Seleccións Viguesas Precadetes, do Porriño Baloncesto Base e do CB Baiona, entre outros.