
Primeiras pedras fóra na demolición do edificio que albergará o novo Centro Galego de Fotografía na rúa Eduardo Chao. As obras de construcción nas que se empregarán a pedra ben conservada que se está a quitar nestes intres comezarán en maio, polo que se estima que poderá abrir no primeiro trimestre de 2011.
Na primeira fase da demolición baleirarase o interior do inmoble e desmontarase unha parte da fachada que dá á rúa Eduardo Chao e que será recuperada na reconstrucción. Despois comezará o proxecto arqueolóxico con catas para comprobar se hai restos na zona que merezan un tratamento específico.
O Centro Galego de Fotografía contará con salas de exposicións, fototeca, un pequeno auditorio e zonas administraticas, ademais de reservar 200 metros cadrados para unha zona de restauración e documentación dos fondos pictóricos e escultóricos da pinacoteca. E albergará a colección do Arquivo Pacheco, o Arquivo Ksado e os fondos das diferentes Fotobienais celebradas en Vigo.