A realidade superou con creces as previsións da organización. Arredor de 650 corredores daranse cita o domingo na cuarta carreira ’10 km Cidade Universitaria’ que se celebra o domingo no campus vigués, a máis multitudinaria da súa curta historia. Tamén de récord é a participación de voluntarios, con 45 mozos que prestarán apoio no desenvolvemento da proba.
Esta será a primeira proba puntuable do calendario de Carreiras Populares Cidade de Vigo 2010, tras a que virán outras seis que axudarán “a fomentar a práctica deportiva e o deporte popular”. Haberá seis categorías (junior, promesa, sénior, veteranos A e B e universitarios) e sairase ás 11:30 horas. A entrega de premios será ás 13 horas no Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria.
Os 10 quilómetros que dura a proba desenvolveranse en tres voltas a un circuíto que transcorre polos vieiros inferiores do campus e o acceso á Cidade Deportiva do Círculo Mercantil. Entre os favoritos está o atleta marroquí Akka Essaadaqui e, de confirmar a súa participación, o actual campión galego de campo a través Rubén Castro. Para entreter e amenizar o grupo de Teatro de CadaQuen realizará “os comentarios sobre a carreira en clave de humor”.