Premio Nacional de Cultura, Mellor artista do Ano por Magazine Folkworld, Galega do ano 2005… Mercedes Peón é moito máis que unha artista que se sube ao escenario para cantar, é pura enerxía, interpretación e amor polo galego. Recén estrenado o seu novo disco, ‘Sihá’, a cantante coruñesa chega esta noite ao Centro Cultural Caixanova (21 h) dentro do ciclo Xacobeo Raíces e acompañada de Emilio Rúa.
Tras 17 anos adicada á ensinanza da música e do baile tradicional galego, comeza a mergullarse no mundo da composición e xorden as primeiras sementes do que sería o seu disco debut, ‘Isué’. Mercedes Peón é o máis claro expoñente do novo rexurdir musical da escena galega. As súas raíces toman novas formas: creación con sabor ancestral que recobra vida coas gaitas e as percusións tradicionais que se mesturan cos sons eléctricos máis actuais.
A súa mordaz e moderna interpretación da tradición está baseada en anos de estudo e compilación de pobo en pobo. O timbre da súa voz, a variedade das súas composicións, que arrancan na beleza doente dos alalás galegos e culminan en temas eclécticos e descaradamente vibrantes, o seu amplo repertorio e o feitizo e a enerxía que se apodera de cada unha das súas actuacións, fan desta muller unha aposta segura pola continuidade da música galega.
Aínda estás a tempo de conseguir a túa entrada para ver un espectáculo puro e creativo con influenzas da música brasileira, da tradicional galega, do blues e do pop que lle outorga a presenza do ourensan Emilio Rúa. Merca o teu billete (entre 3 e 9 euros) a través da web, no teléfono 902 504 500 ou na taquilla unhas horas antes da actuación.