De xeito complementario ao redeseño da páxina, no último ano fíxose un importante esforzo para coordinar todas as web vinculadas á Administración galega baixo uns criterios mínimos comúns. Deste xeito, se está a crear un catálogo de webs e un directorio ao que o cidadán poderá acceder na nova versión do portal e dispoñer máis facilmente de información sobre as diferentes áreas de servizo. Estas páxinas relacionadas coa Administración atenderán a unhas directrices comúns para o seu deseño e xestión que contribúan a simplificar a súa utilización por parte do usuario.
Entre o pasado mes de xaneiro e os primeiros quince días a web rexistrou un total de 2.608.804 visitas, 949.309 en xaneiro, 1.086.393 en febreiro e 573.102 durante a primeira quincena de marzo. O perfil maioritario do usuario da web institucional, segundo se recolle nos resultados da enquisa Participa!, é o dunha muller (56%) de entre 31 e 45 (58%) anos con estudos universitarios (70%). A porcentaxe de homes é do 44% e con respecto ás franxas de idade o 25 % teñen entre 45 e 65 anos, o 16% entre 18 e 30 e un 1% é menor de 18 anos. O 68% dos enquisados afirmar acceder ao portal da Xunta a diario e un 20% de forma semanal, o 12% restante divídese a partes iguais entre os que fan un uso mensual e esporádico.
Valoracións
Os enquisados valoraron a situación actual do portal e o seu grao de satisfacción respecto da mesma así como as posibles melloras en aspectos como o visual, a organización dos apartados, a cantidade e calidade dos contidos, as ferramentas dispoñibles, a velocidade de resposta durante a navegación, o nivel de participación dos usuarios, a integración dos servizos de todas as consellerías e a posibilidade de realizar trámites das outras administracións.
En canto ás melloras dos diferentes aspectos da web, unha porcentaxe de entre o 29 e o 35% dos enquisados manifestaron a necesidade de modificar diferentes aspectos da situación actual, fronte a unha porcentaxe de entre o 65 e o 70% que lle concederon entre tres e cinco puntos á imaxe, calidade dos contidos, organización dos apartados, ferramentas dispoñibles, etc. Estes resultados constitúen unha fonte de información relevante para avanzar no proceso de renovación da web da Xunta e transformala nun instrumento de fácil manexo para cidadáns e empresas.