Entre el 2 junio y el 15 de julio
Leer másO BNG levará o desacordo sobre a construcción da Depuradora ao Congreso
A deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, ven de presentar no Congreso dos Deputados unha iniciativa na que lle demanda ao Goberno se non considera unha irresponsabilidade que o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, e a Xunta de Galicia aínda non se teñan posto de acordo sobre a nova depuradora de Vigo.
Davila advirte de que “esta infraestrutura é vital para a cidade e a Ría de Vigo” polo que considera “unha irresponsabilidade e unha frivolidade que non se poida construír debido aos continuos desencontros e disputas entre o Ministerio e a Xunta de Galicia”.
A deputada nacionalista lembra que, segundo unha reposta do Ministerio a unha iniciativa do BNG no Congreso, “o proxecto e a obra da nova EDAR de Vigo faríanse no segundo semestre de 2009 e estaría finalizada en decembro de 2012”.
“Sen embargo –denuncia Davila- nada se fixo polo continuo rifi-rafe entre as dúas administracións e as partidas orzamentarias para esta obra corren o risco de perderse se non hai acordo nas próximas semanas”.
Disputas que agochan a falta de vontade política para acometer esta infraestrutura
Ante esta situación, demándalle ao Goberno que explique as razóns polas que o Ministerio de Medio Ambiente non chegou a un acordo coa Xunta e pregúntalle se non considera unha falta de respecto á cidadanía e unha irresponsabilidade as continuas disputas entre as dúas administracións públicas en torno a esta infraestrutura.
Por último, Olaia Fernández Davila lémbralle ao Goberno que este é un proxecto vital para a cidade e a Ría de Vigo e que se non se licita este ano terase que facer fronte a unha sanción millonaria. Fernández Davila denuncia que “os cidadáns e cidadás non se merecen este espectáculo, que pon de manifesto a falta de vontade política tanto da Xunta como do Goberno Central para acometer esta infraestrutura”. A nacionalista critica esta “irresponsabilidade que, ademais de supor a perda dun importantísimo investimento para Vigo, significará que de non licitarse a nova EDAR neste ano, se teña que pagar con cargo ao erario público unha sanción de 20 millóns de euros á Unión Europea”.