Mª del Carmen Echevarría/ Non houbo sorpresas. A atleta do Comesaña Sporting Club, Soledad Castro, e o corredor do Club Ourense Atletismo Academia Postal, Hassan Lekhili, foron os gañadores da IV edición da ‘Carreira 10km Cidade Universitaria’ celebrada o domingo.
Cun tempo de 36:44, Castro proclamouse gañadora na categoría feminina, na que a canguesa María Jesús Gestido a doce segundos de Castro e Marta Fernández Otero cun tempo de 38:26, foron a segunda e terceira clasificadas, respectivamente. Na categoría masculina o corredor de orixe marroquí Hassan Lekhili foi o primeiro en cruzar a liña de meta cun tempo de 31:03, seguido do lituano Robertas Geralavicius con 31:14 e do brasileiro Juan Pablo Fernández que acadou un tempo de 31:18.
Con 675 inscritos, dos que preto de 600 completaron a carreira, a edición 2010 da carreira universitaria foi a que contou cunha participación máis elevada ata o momento tanto de atletas profesionais como afeccionados. A carreira, que se desenvolveu sen incidencias, comezou tras un minuto de silencio e un aplauso en memoria do veterano atleta galego recentemente falecido Julián Bernal.
Acompañados por unhas condicións meteorolóxicas moi favorables, os corredores completaron os 10 quilómetros da carreira dando tres voltas a un circuíto que transcorreu polos vieiros inferiores do campus e o acceso á Cidade Deportiva do Círculo Mercantil. A proba finalizou coa entrega de premios aos primeiros clasificados, así como dos galardóns do sorteo realizado polo Servizo de Deportes e os premios especiais aos corredores clasificados nos postos 100, 200, 300, 400 e 500.