A Xunta síntese xenerosa e destinará ata 300.000 euros a sufragar os gastos de fundacións, asociacións e institucións culturais que realicen programas culturais en toda Galicia. Publicada dentro duns días no Diario Oficial de Galicia, a contía máxima que se dará por asociación será de 30.000 euros.
Estas axudas van destinadas a fundacións, entidades e asociacións culturais galegas sen ánimo de lucro que estean inscritas no Censo de Entidades Culturais da Consellería de Cultura e Turismo e que teñan un ámbito de actuación supraprovincial, desenvolvendo as súas actividades habitualmente en Galicia. Para acollerse ás subvencións, as institucións galegas deberán realizar programas culturais destinados á promoción e cooperación cultural e á difusión e animación sociocultural que contribúan ao espallamento e promoción da cultura galega.
A concesión das subvencións será avaliada por unha comisión que valorará os expedientes con criterios como o número de actividades culturais realizadas nos 2 anos anteriores, o carácter continuado e non ocasional do proxecto, a repercusión territorial do programa ou actividade, o nivel de autofinanciamento, a importancia e transcendencia cultural do proxecto ou actividade realizada e a contribución ao fomento da cultura.