A auga convértese no protagonista da décima edición de Augaventura, que chega cun programa dirixido á comunidade universitaria e cargado de actividades físicas no que a vela lixeira é unha das principais novidades. Pensadas para facer entre abril e maio, no programa tamén haberá rafting, vela, surf e mergullo nas modalidades Open Water Diver (ata 25 metros) e Advanced Open Water (ata 40 metros). Experiencias deportivas afastadas do convencional.
Ofertáronse ata 180 prazas, aínda que a cifra non é definitiva senón que depende da demanda. O ano pasado o rafting foi a actividade máis elexida, co 50 por cento das solicitudes. A inclusión por primeira vez do curso de vela lixeira responde á petición do alumnado do campus de Pontevedra e impartirase os sábados 17 e 24 de abril (iniciación) e os días 8 e 15 de maio (perfeccionamento).
O 9 de abril comeza a vela, que inclúe oito saídas os venres de abril e maio. Arbo é o lugar elixido para a práctica do rafting, que comezará o 23 de abril para o primeiro grupo e o 21 de maio para o segundo. Pola súa banda, o surf terá lugar os días 24 e 25 de abril nunha primeira quenda e o 8 e 9 de maio na segunda. Finalmente, o mergullo ofrece diferentes datas para a realización da parte teórica, composta de 5 clases que se impartirán na Aula do Casco Antigo e seis inmersións, que se levarán a cabo na Ría de Vigo. No caso da modalidade de inicio Open Water Diver, as dúas primeiras inmersións realizaranse en augas confinadas no Centro Deportivo Coliseum ou no Náutico de Vigo.
Todas as actividades desenvólvense ao aire libre, o que permite contactar coa natureza e potenciar a educación medioambiental.