A Consellería de Sanidade ten activado un Plan de Asistencia Sanitaria ao Peregrino, xa que no marco do Ano Santo Xacobeo 2010 a previsión da afluencia de peregrinos esperada fai necesaria a posta en marcha dun dispositivo asistencial que garanta unha resposta axeitada accesible, permanente, eficaz e satisfactoria.
Neste sentido, a Xunta ten en conta que en anos xacobeos anteriores dos oito camiños de peregrinación existentes o máis frecuentado por persoas a pé foi o Camiño Francés, o que fai necesaria a posta en marcha dun dispositivo asistencial que garanta unha resposta adecuada nos puntos máis frecuentados do mesmo.
Nestes anos, o número de pacientes atendidos polo Sistema de Asistencia Sanitaria ao Peregrino do 061 foi superior aos 15.000. Aproximadamente o 75% das atencións estiveron relacionadas con patoloxías propias dos peregrinos, como as lesións músculo-esqueléticas e dermatolóxicas.
Dispositivo do 061
Así, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 porá en marcha dous puntos de atención sanitaria dentro do Plan de Asistencia sanitaria ao Peregrino para este Xacobeo 2010. A Casa do Deán, na zona do casco histórico, e o Monte do Gozo, a partires de 1 de abril, estarán a disposición dos peregrinos que se acheguen ante a necesidade de asistencia sanitaria.
A experiencia de Xacobeos anteriores permitiu a Urxencias Sanitarias deseñar o Plan de Asistencia sanitaria ao Peregrino atendendo a afluencia de peregrinos, determinándose horas e épocas puntas de demanda asistencial. Así, a Casa do Deán estará a disposición de calquera peregrino en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas, onde un enfermeiro poderá ofrecerlle asistencia sanitaria. No punto de atención sanitaria do Monte do Gozo, permanecerá un enfermeiro en horario de 17.00 a 20.30 horas.
Ademais, desenvolverase unha campaña informativa e de prevención que incluirá a edición dunha Guía sanitaria do peregrino, con información aos visitantes sobre os diferentes puntos de asistencia sanitaria e en que situacións deben chamar ao 061 e que se distribuirá en albergues, hoteis e oficinas de turismo dos oito camiños. A esta engadiranse folletos divulgativos sobre consellos e medidas preventivas referidas ao tipo de roupa e calzados recomendados, alimentación, etc.
Atención Primaria
Co obxectivo de prestar asistencia ás persoas que o necesiten ao longo do Camiño de Santiago, a Consellería de Sanidade aproveitará a infraestrutura dos centros de saúde situados na súa proximidade e ten perfilado un plan de reforzo neste ano, especialmente nas áreas sanitarias de Lugo e de Santiago. Así mesmo, planificará unha coordinación específica co dispositivo de urxencias 061.
Debido ás experiencias de anos anteriores, espérase que as datas de máxima afluencia de peregrinos sexan os meses de abril a setembro.
Saúde Pública e Inspección
No eido da saúde pública estableceranse unha serie de medidas preventivas encamiñadas a diminuír os riscos que determinadas actividades poden entrañar e outras de vixilancia epidemiolóxica.
Así, implantaranse programas de control específicos orientados a vixiar que se manteñan as mellores condicións hixiénico-sanitarias da ruta de peregrinaxe, e poranse a disposición tanto dos camiñantes como dos distintos axentes implicados no camiño información adaptada a cada un deles coas recomendacións sobre as medidas que deben poñer en práctica coa fin de minimizar os posibles riscos para a súa saúde.
Neste sentido, a Xunta levará a cabo actuacións relacionadas co control de fontes, albergues, e a restauración colectiva, así como un plan de alertas epidemiolóxicas dirixido especialmente ao persoal sanitario que desenvolve o seu traballo nos centros de saúde situados ao longo do Camiño.