A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ven de publicar a convocatoria de axudas para que un cento de estudantes universitarios realicen cursos de idiomas en países membros da Unión Europea este verán. Esta convocatoria, de 110.000 euros, está destinada aos alumnos e alumnas matriculados no sistema universitario galego, e nesta edición acollerá a máis dun 5% máis que no 2009.
Con esta convocatoria a Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Educación continúa coa súa política de asistencia económica aos estudantes, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a mobilidade de estudantes, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico. Un proxecto que se inclúe dentro dunha serie de iniciativas da Consellería para a adaptación do alumnado ao Espazo Europeo de Educación Superior, no que se esixe o coñecemento dunha segunda lingua para mellorar a competencia e a capacidade de estudo e de traballo dentro dun contexto internacional.
As bolsas van destinadas aos estudantes das universidades públicas galegas ou dos centros asociados da UNED da comunidade que realizan estudos oficiais conducentes a títulos de graduado, licenciado, arquitecto, enxeñeiro, diplomado, mestre, arquitecto técnico, enxeñeiro técnico ou nun máster universitario. Poderán optar aqueles que non se beneficiaran desta mesma axuda noutra ocasión anterior e que non estean a beneficiarse dunha beca Erasmus no mesmo país no que soliciten esta axuda de cursos de idiomas para o verán.
Os interesados deberán ter ademais superados 60 créditos en titulacións de 1º ciclo, ou 120 nas de grao, mentres que no caso de master deberán ter superados os estudos da titulación correspondente que dá acceso a el.
Dotación económica
Os 110.000 euros de orzamento serán repartidos entre 100 bolseiros, un 5% máis que o ano pasado, que realizaran os cursos entre o un de xuño e o 30 de setembro deste ano. Cada un dos cursos durará un mínimo de tres semanas, con 15 horas lectivas cada unha delas. Grazas a xestión que está a realizar a Consellería de Educación co mesmo presuposto do ano pasado este verán haberá cinco beneficiados máis e os cursos terán unha duración maior que no 2009.
Os interesados deberán presentar a solicitude no presente mes. Os requisitos para optar a esta axuda, que dá unha nova oportunidade de mellorar os coñecementos nunha lingua estranxeira, son entre outros presentar a certificación académica completa, o xustificante de estar matriculado no sistema universitario en Galicia, así como unha copia ou orixinal co programa do curso de idiomas para o que se solicita a axuda. As reclamacións poderán ser presentadas desde o 4 ao 14 do mesmo, na Secretaría Xeral de Universidades.
As listas de admitidos
O 3 de xuño as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas serán expostas na Consellería de Educación, nas xefaturas territoriais, e vicerreitorados de estudantes das tres universidades galegas, sinalando as causas de exclusión. As listas tamén poderán ser consultadas na dirección web www.edu.xunta.es .