
As entidades que queiran forman parte deste programa de subvencións terán de prazo ata o próximo 16 de abril para presentar as súas solicitudes. Un dos requisitos é estar inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, así como presentar un proxecto elixible de acordo co obxecto desta Orde, que se enmarca no II Plan Galego de Inclusión Social.
En primeiro lugar, a liña de axudas vai destinada a aquelas entidades que desenvolvan actuacións que permitan a adquisición de habilidades sociais e hábitos prelaborais para dinamizar as capacidades e recursos sociais das persoas en risco de exclusión social. Destacan neste caso, por exemplo, programas enfocados a realizar técnicas de busca de emprego.
Na liña de axudas tamén se inclúen programas integrais en zonas rurais que favorezan a inclusión social e laboral de mozos e mozas, mulleres e outros colectivos con dificultades de inserción e aqueles que se leven a cabo en barrios urbanos e que desenvolvan accións preventivas, de intervención, seguimento e titorización para mozos e mozas en situación de exclusión social.
A tipoloxía das entidades que a Xunta subvenciona a través desta orde é amplía. Así, predominan agrupacións especializadas en determinados colectivos sociais como son os que traballan con persoas con discapacidade, inmigrantes, poboación xitana ou drogodependentes, así como centros sociais e de desenvolvemento rural.
As accións que as entidades realizan poden ser independentes, como cursos de formación ocupacional, ou integradas en proxectos que comprenden itinerarios personalizados de inserción.