A morriña pudo con Susana Seivane no seu cuarto disco, ‘Os soños que volven’, unha mirada atrás sobre as pisadas que a música galega foi deixando na súa alma. Barcelonesa de nacemento, Seivane é a herdeira dunha das familias con máis prestixio e sona dentro do mundo dos gaiteiros e artesáns de gaitas en Galicia. E iso nótase no que é o seu décimo aniversario musical.
Para amosar que está en plena forma, esta noite (20:30 horas) saltará coa mesma enerxía de sempre sobre o escenario do Centro Cultural Caixanova. Farao con mesturas de pezas tradicionais, aínda que tamén con algunhade Carlos Justo, Julio Amado e un recordo a Nazario González, tres grandes compositores de obras con verdadeiro sabor galego.
E a tarefa non foi sinxela. A gaiteira tivo que escoller 14 temas de entre os máis de 200 que tiña diante. O resultado non puido ser mellor: 70 minutos de música que compoñen a banda sonora da súa vida.
Aínda estás a tempo de conseguir a túa entrada na web de Caixanova, chamando ao 902 504 500 ou na propia taquilla do teatro un par de horas antes de que Seivane toque as primeiras notas.