Teatro do Morcego desinhíbese esta noite no Teatro Municipal de Tui (21:30 h) coa representación de ‘Kvetch. Unha comedia americana sobre a ansiedade‘, un espectáculo impúdico, xubiloso, devastador e feroz cos medos, frustracións e co estrés diario que sae da obra escrita por Steven Berkoff. ¿Imaxina poder dicir en alto todo o que pensa sen ser escoitado por ninguén? Entonces, non o dude e compre as entradas na web ou dende as 20 horas na taquilla.
A obra representarase no teatro que mellor media de espectadores acadou en 2009 en toda Galicia, con 14 funcións e unhas 284 persoas de media en cada un, fronte aos 147 espectadores de media por función no resto dos 42 espazos que conforman a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A compañía
Teatro do Morcego creouse en 1989 da man do actor e director Celso Parada e de Isabel Ávila. No seu haber conta con premios coma o Compostela por ‘Misterio cómico’ e ‘Doberman’ ou co María Casares por ‘Lazariño de Tormes’. Na compañía traballaron e traballan importantes actores galegos como Maxo Barjas, Luisa Merelas, Santi Prego, Carlos Blanco, Paco Campos, Miguel Varela…