Actuacións para todos os gustos a ambos lados da ría. O mago Martín Camiña chegará a Cangas esta tarde (20 h) co seu espectáculo ‘A outra realidade’ nunha velada organizada no auditorio municipal. O protagonista, Martin Walker, acompañado por un peculiar axudante, o seu primo Gabi, realiza un percorrido máxico a través da ciencia, a historia e o humor, pensado para todos os públicos. Unha obra que fala de magos como Leonardo da Vinci, Arquímedes, Einstein, Newton, etc…, magos que pensaron en imposibles para descifrar a outra realidade.
Os protagonistas realizan unha viaxe no tempo, amosándonos realidades paralelas, tan diferentes e tan parecidas, a través de diferentes épocas. Ilusións con cadeas, cordas e aparatos que modifican o noso corpo, espadas, mensaxes desde o máis alá ou obxectos que levitan serán o nexo de unión entre o presente e as viaxes no tempo. Un espectáculo para toda a familia dirixido maxicamente polo Mago Antón.
Pero se prefires outro tipo de artistas, colle o barco cara o outro lado da ría. O centro comercial A Laxe tenche preparado un espectáculo de malabarismos con hula-hoops. Tres sesións ás 18, 19 e 20 horas coas que disfrutarán pequenos e maiores.