Galicia

A saúde das pontes históricas, nas máns da Universidade de Vigo

D. Besadío/As pontes históricas, ademais de formar parte do noso patrimonio histórico-artístico, presentan unha crecente relevancia na nosa sociedade, sobre todo, se temos en conta que en Galicia chegáronse a contabilizar ata 500. Este potencial non pasou desapercibido para os investigadores do Laboratorio de Fotogrametría e Teledetección Cercanas da ETS de Enxeñaría de Minas, que se puxeron mans a obra e están a piques de finalizar un proxecto que establece unha metodoloxía de diagnóstico dirixida a facilitar calquera actuación encamiñada á conservación e rehabilitación destas complexas construcións.

Servirá de base para o establecemento de catálogos xerais de referencia das pontes históricas singulares, ao tempo que será a referencia inicial a manexar polos axentes implicados na súa xestión, de maneira que será consulta obrigada antes de calquera intervención para a súa conservación ou rehabilitación. Para facilitalo toda a información está, de xeito paulatino, a recollerse na web do proxecto. Desenvolta a partir de técnicas xeométricas non destrutivas e de mínimo contacto coa construción, o novo método permite facer unha caracterización xeométrica e mecánica destas construcións.

A primeira fase do traballo, que se iniciou a comezos do 2007, consistiu en facer un inventario cunha selección das pontes no que entran 95 en función da tipoloxía máis abundante e seguindo criterios construtivos, de materiais… Ao longo do inventario analizaron diferentes parámetros, tanto revisión documental e análise de compoñentes como medición xeométrica e análise de patoloxías, así como fallos estruturais: gretas, desprendementos de materia…

Coa información recollida xeráronse diferentes tipos de planos en función de cada un dos parámetros analizados. O inventario introduciuse nunha base de datos conectada cun sistema de información xeográfica que permitirá que calquera persoa interesada poida acceder de forma sinxela a información, incluíndo tanto diferentes tipos de planos como tamén fotografías ilustrativas.

Unha vez rematada esta primeira etapa do proxecto, levouse a cabo unha análise máis precisa dirixida a estudar en detalle a xeometría de cada unha das pontes. Para isto empregaron técnicas fotogramétricas de medición a partir de imaxe e as tecnoloxías máis avanzadas de láser 3D. A información extraída destas tecnoloxías permite crear modelos de liñas, de superficie e modelos realísticos nos que se pode observar a ponte coa súa textura e cor real.

En total participaron no proxecto 11 investigadores, un traballo conxunto no que os docentes vigueses contaron coa colaboración de tres investigadores da Universidade Politécnica de Barcelona.  Para continuar con este labor o ministerio concedeulles un segundo proxecto, que se prolongará ata 2012, cun orzamento de 80.000 euros e no que van colaborar con docentes da USC, UdC e Universidade de Navarra. O obxectivo identificar de xeito rápido cales son os problemas desa ponte, por onde debe ir esa intervención, cales son as máis urxentes.

Te podría interesar