Comarcas Destacados

Se queres festa vén a choquear a Redondela

Uns 5.000 quilos de chocos acabarán nos estómagos dos máis de 30.000 visitantes que chegarán a Redondela a vindeira fin de semana para degustar os mellores produtos da ensenada na vixesimocuarta edición da Festa do Choco, unha das festas gastronómicas máis importantes de Galicia.

Con prezos entre os 5 e os 7 euros por ración, os padares máis esixentes poderán degustar choco capturado na ensenada de San Simón vivo na súa tinta, con arroz, en empanada, á prancha e en innovadores pratos que restaurantes como Arelas o Diago porán a disposición do visitante. Aínda que, para que enganarnos, o clásico é o que predomina.

A festa, organizada polos propios empresarios da comarca, notan en falta “o compromiso con este festival gastronómico de gran interés culinario”. Por iso, para pola en relevancia queren crear un sello de calidade que certifique que o choco utilizado nos pratos está capturado na ensenada de San Simón. “A tranquilidade das augas dalle un sabor único. Ademais, nós o capturamos vivo, non usamos aparellos de arrastre que deixan o choco 24 horas no mar, loitando por soltarse, desfacéndose”, explica Clemente Bastos,  patrón maior da Cofradía de Pescadores.

Este ano ademais encoméndanse ao Apóstolo para atraer a máis xente que en edicións anteriores. Ser final de percorrido nun dos tramos do Camiño Portugués cren que axudará a subir as estatísticas cos peregrinos que poden achegarse ata alí. De momento, invitan a todo o mundo a dar unha volta por Redondela o vindeiro 8 e 9 de maio e choquear un intre.

Te podría interesar