Responde a unha demanda interna da comunidade universitaria e sitúa á Universidade de Vigo nun privilexiado punto de partida nunha sociedade que xa ten asumida a relevancia destas comunidades virtuais. A rede social da Universidade de Vigo nace xa co mérito de ser a primeira de carácter aberto que existe no sistema universitario español, tan só a Universidade de Sevilla conta con unha, aínda que de carácter pechado e acceso restrinxido.
Esta nova plataforma permite establecer unha estrutura de relacións tamén cos futuros estudantes, co tecido empresarial, cos pais… Nos seus primeiros días en funcionamento en proba reuniu xa arredor de 160 usuarios e conta con varios grupos creados, por exemplo sobre meditación ou música indie.
Baixo o lema de ‘Conecta, colabora, comparte’ e con estes tres conceptos como obxectivos, esta rede social basa a súa potencialidade en estar aberta a toda a sociedade e pola visibilidade que lle da á Universidade.
Para os usuarios da rede, esta ofrece unha multiplicidade de contidos e ferramentas nas que aínda se segue a traballar para poder ampliar. Este é o caso da integración con outras redes sociais xeneralistas como Twitter e Facebook.
A rede foi concibida como un lugar de debate e discusión, para compartir e comunicarse entre a comunidade universitaria pero tamén entre a Universidade e sociedade, nela teñen cabida alumnos actuais, futuros e egresados, pais, empresas interesadas en colaborar coa Universidade, empregadores… Por outra banda servirá tamén como taboleiro no que dar a coñecer eventos, anuncios, avisos de datas, notas, ofertas de emprego, noticias ou traballos de investigación.