Un formato inédito e único titulado ‘Fisterránea 2010. Músicas no cabo do mundo‘ que, dentro do ciclo ‘Raíces’ do Xacobeo 2010, subirá ao escenario a cinco formacións de músicos galegos esta tarde (20:30 h) ao Auditorio Municipal de Tui. Trátase de presentar todas as posibilidades que se abren no panorama creativo da música de raíz a través das distintas formacións nas que os membros de Berrogüetto están inmersos.
Dúas horas de concerto que arrancará o propio Berrogüetto para presentar a súa fórmula de folk enérxico ante un público que tamén poderá disfrutar de Lizgairo, un grupo formado por Rodrigo Romaní, Xosé Liz e Anxo Pintos e que ofrece unha recreación da música tradicional con visión contemporánea. Á cita non faltarán a banda Espido, formada en 2005 polo guitarrista Guillermo Fernández e Guadi Galego á voz; Talabarte, que traballa desde a fusión entre a música de raíz, o jazz e a música brasileira; e Xavier Díaz, titular de Nova Galega de Danza. Ademais, sobre o escenario estarán os bailaríns Serxio Cobos e María Prieto, que ofrecerán o punto equidistante entre o baile tradicional e unha visión contemporánea do mesmo.
Un espectáculo máxico que reunirá por intres ata 20 músicos en escea e para o que aínda podes conseguir a túa entrada na web ata as 16:30 horas ou no despacho de billetes da Área Panorámica desde as 19 horas a un prezo de entre 3 e 4 euros.