Como unha oportunidade de coñecer persoas e novos xeitos de estudar e traballar, así se presenta o IV Encontro Galego de Programas Universitarios para Persoas Maiores que hoxe se desenvolve na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. A finalidade é reunir ao alumnado pero tamén ao profesorado das aulas de maiores das tres universidades galegas, un obxectivo que comparten 170 inscritos, 84 da Universidade de Vigo, 50 da Universidade de A Coruña e 35 da Universidade de Santiago de Compostela.
Ao largo da xornada haberá un amplo e diverso programa de actividades culturais, divulgativas e de lecer entre os que destaca o relatorio sobre demografía en Galicia do catedrático de Xeografía Física da Universidade de Santiago de Compostela, Augusto Pérez Alberti. Ademais, docentes e estudantes participarán activamente expoñendo diversas comunicacións, entre as que cabe destacar a conferencia titulada Vigo no segundo bicentenario como cidade. Durante o acto celebrarase tamén unha comida de confraternidade para fomentar as relacións entre os membros das tres universidades.
Estudiar pasados os 50
Os programas de maiores que as universidades galegas teñen en marcha en A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo están dirixidos a todos os maiores de 50 anos que teñan o tempo suficiente para o estudo e a integración nas diversas actividades, desexos de achegar a súa experiencia e de participar na vida académica, sen necesidade de titulación previa. Este curso nas aulas de Vigo matriculáronse preto de 150 persoas maiores, unha cifra de participación moi similar á que se rexistrou tanto en Santiago como na Coruña.