Nin encomendándose ao Apóstol nin levando ovos a Santa Clara. A Festa do Choco de Redondela tivo como peor inimigo á choiva, que amilanou a máis de un á hora de saír de casa e pasar a tarde degustando choco da ensenada de San Simón cocinado de diferentes xeitos, disfrutando dos concursos de degustación, do pregón ou da verbena e da morea de postos que rodeaban a carpa na que se servían as comidas.
A pesares da queixa dos cociñeiros, que viron como “había moito público, pero menos que o ano pasado”, miles de persoas pasaran un ano máis pola vila para dar conta dos 5.000 quilos de chocos servidos en empanada de trigo ou millo, na súa tinta, en arroz ou nalgunha das delicias inventadas por os máis argalleiros. Así, por exemplo, se o ano pasado Arelas gañaba o concurso de cociña con pratos como delicias ou chulas de choco, nesta XXIV edición volveu innovar con bolos preñados ou tacos de saborosos chocos. Sempre a prezos de crisis: entre 2 e 7 euros por ración.
E non por chover deixaron de facer festa. Se a auga acalaba a música prevista para esta tarde, con grupo de gaitas e verbena incluida, o propio público amenizaba a velada despois dunha boa comida e dun bo viño coas cancións máis tradicionais en calquera festa gastronómica que se precie. Agora só queda comezar a preparar todo para que o ano que ven ademais de choco haxa sol que acompañe á festa.