Catro taekwondistas galegas vanse de expedición. Andrea Rica (Tao), Estefanía Hernández (Natural Sport), Rebeca Mariño (Natural Sport) e Lúa Piñeiro (Olimpic) disputarán o Campionato de Europa absoluto de Taekwondo, que comezará o vindeiro 12 de maio en San Petersburgo. Todas elas proclamáronse campioas de España no torneo celebrado recentemente en Alacante e as catro conforman o cincuenta por cento da selección española feminina que competirá en San Petersburgo.
As galegas non participarán no europeo ata o día 13, no que lles corresponderá a quenda a Rebeca Mariño (-53 quilogramos) e Andrea Rica (-57 quilogramos). Ao día seguinte competirán Fani Hernández (-57 quilos) e Lúa Piñeiro (-67). Tanto Andrea como Fani xa están máis que acostumadas a loitar en competicións internacionais e ademais con éxitos importantes. Desta forma, no pasado ano Rica acadou unha medalla de bronce no Mundial de Copenhague, ademais de ser a actual campioa de España do seu peso. O ano 2009 foi case perfecto para Fani Hernández, xa que se proclamou campioa de España e da Universiada, ademais de acadar un bronce no Mundial. E non podemos esquecer que no 2008 proclamouse precisamente campioa de Europa sénior.
Pola súa banda, Rebeca Mariño e Lúa Piñeiro teñen un pouco menos de experiencia e será a primeira vez que participen nun Campionato de Europa, aínda que Rebeca si que formou parte do equipo español no campionato do Mundo de Copenhague. No campionato utilizaranse petos Daedo e o vídeo replay, as últimas innovacións técnicas introducidas no taekwondo nos últimos anos.
Viaxe accidentada
Unha vez máis a nube de cinza do volcán de Islandia está a provocar problemas no espazo aéreo europeo e onte domingo o aeroporto de Munich estaba pechado, polo que a selección española tivo que quedarse alí a pasar a noite. Despois de pasar toda a mañá no aeroporto intentando recuperar a equipaxe, que se perdeu, o equipo chegou esta tarde a Moscú e saen esta noite en dirección a San Petersburgo. Ademais, o grupo ten serios problemas coas maletas. Das catro galegas só Andrea ten a súa, e ademais tamén está perdida a maleta na que ía o material de Daedo.
O retraso na viaxe tamén prexudica seriamente a Alex Vidal, xa que hoxe era a pesada. A Federación Española comunicou á organización o problema que se atoparon e espera que os tres integrantes do equipo podan facer a pesada no mesmo día da competición.
Parataekwondo
A actividade comezará mañá 11 de maio. Por un lado, celebrarase a cerimonia de inauguración do Europeo, e ademais disputarase a segunda edición do Campionato do Mundo de Parataekwondo. Nesta competición participará o galego Alex Vidal, o primeiro deportista galego con algunha discapacidade, e que o ano pasado acadou unha medalla de prata no primeiro mundial de parataekwondo. No Mundial participarán máis de cincuenta deportistas de 21 países de todo o mundo e utilizarán tamén os petos e o vídeo replay.