As obras de ampliación de Peinador, encargadas ao arquitecto Céar Portela, comezarán despois do verán e estarán rematadas en 2013. O presidente de AENA, que estivo hoxe en Vigo para presentar o proxecto, sinalou que a terminal pasará dos 8.700 metros cadrados que ten na actualidade, a 26.000. Juan Lema Devesa subliñou que a obra ten un orzamento de preto de 60 millóns de euros, cofinanciados pola Unión Europea, e deixará o aeroporto preparado para acoller a catro millóns de pasaxeiros, 2,2 millóns máis dos que ten hoxe.
O proxecto abrangue unha ampliación da terminal, que pasará a ter 4 plantas: na baixa estará a zona de facturación con 23 mostradores, un control de seguridade con catro postos, a zona de recollida de equipaxes e o vestíbulo de chegada. En total a planta terá 4.700 metros cadrados e acollerá unha zona comercial restaurante e cafetería.
Na primera pranta estará a terminal de saídas que disporá de catro pasarelas e unha superficie total de 3.000 metros cadrados. Das catro pasarelas, dúas serán dobres. No segundo andar estará adicada a oficinas e operacións e superará os 3.500 metros cadrados. Para rematar, o soto estará adicado ao control de equipaxes, adega, almacenaxe e outras instalacións que ocuparán 6.200 metros cadrados.