As seleccións galega e inglesa de balonmán compartiron hoxe recepción no Concello de Vigo antes de enfrontarse mañá (20:45 horas) nun partido amigable no pavillón de As Travesas dentro da intención da Federación Galega “por apostar e manter as competicións da selección galega”.
Durante a recepción, a cargo do concelleiro de Deportes Xabier Alonso, destacouse a importancia de organizar eventos con equipos deportivos de elite que promocionen o deporte e que sirva ao mesmo tempo para dar continuidade ao deporte de base. No acto, o concelleiro agasallou aos reprentantes de ambos equipos con cadanseu exemplar da obra ‘Vigo, cidade das ondas’, con textos do xornalista Eduardo Rolland e imaxes de Javier Teniente. A cambio, o capitán da selección inglesa entregou un agasallo ao concelleiro co emblema da Tower of London.