É a segunda vítima de hoxe nas estradas de Galicia
Leer másOs competidores galegos acadaron 15 medallas no Campionato de España Universitario que se celebrou esta fin de semana en Almería. A UNED foi primeira clasificada por equipos, grazas á actuación dos taekwondistas galegos, mentres que a Universidade de Vigo quedou no segundo posto.
Este campionato era especialmente importante, xa que os deportistas necesitaban un bo resultado para clasificarse para o Campionato do Mundo Universitario que se celebrará no mes de xullo en Vigo. Nestes momentos seis competidores galegos teñen moitas posibilidades de formar parte do equipo español para o Mundial, xa que teñen puntos por medalla no Campionato de España absoluto, nos Opens internacionais ou no Campionato Universitario.
En -63 quilogramos masculino, Galicia copou o podio, xa que todos os medallistas proviñan desta comunidade. Juan Fernández, subcampión de España absoluto, está xa clasificado para o Mundial. En -53 volveu repetirse a loita fratricida entre Rebeca Mariño, campioa de España absoluta e Nazareth Tilve, subcampioa. Esta vez o resultado foi o inverso, co que está no aire a decisión sobre cal destas deportistas participará no Mundial.
Non fallou Fani Hernández que leva máis de tres anos gañando todas os campionatos de España e que reivindicou unha vez máis a súa valía. A coruñesa ten que estar en Vigo e tentará volver brillar. José Fernández está de volta tras graves doenzas que o mantiveron apartado da competición durante case seis meses. Reivindicou a súa calidade competindo recén saído dunha grave escordadura de nocello e acadando a medalla de prata.
O seu rival na final, Leandro Jurado non ten puntos no Campionato de España polo que abre a posibilidade a que José sexa convocado. Segundo os criterios, a selección española pode convocar a deportistas de recoñecida traxectoria que estiveran lesionados e iste é o caso do galego, campión da Copa do Rei, subcampión de España e subcampión da Copa de Europa.
Fernando Rascado coa súa prata e o mesmo metal no Campionato de España, así como a vitoria na Copa Iberoamericana, ten tamén aberta a posibilidade de participar no Mundial.
Quen non tivo sorte foi Lúa Piñeiro que perdeu no seu enfrontamento coa catalana Tamara Good, antiga rival de Fani que, despois de pasar anos sendo a segunda de -62 quilogramos decidiu cambiar de peso para ter opcións de entrar no equipo español.