Máis de 150 poemas unidos pola temática do amor coa guitarra de fondo. A Biblioteca Pública Municipal de Tui acolle esta tarde (20:30 horas) o espectáculo ‘Camiños de amor e lúa’, un recital poético a cargo de Xosé Carlos Caneiro baseado no libro que leva o mesmo nome e con Xosé Manuel Salgado na guitarra clásica e acústica. Todo dentro dun proxecto nado para o fomento da lectura, para amenizar a ruta aos peregrinos e fomentar a cultura literaria galega entre os visitantes e os habitantes das localidades nas que se desenvolverán os diversos recitais.
Con este recital poético-musical chega ao seu fin a programación que ao abeiro do ‘Mes dos libros’ abrangueu os meses de abril e maio coa celebración do Día do Libro, do Día das Letras Galegas e que ten contado coa celebración de actividades para nenos e mozos, entre as que destacan o encontro co escritor Alfredo Gómez Cerdá, premio nacional de literatura infantil e xuvenil 2009.