Nove anos apostando pola recuperación das nosas tradicións, por evitar a perda do enxebre e manter viva parte da cultura galega. Para iso naceu o Serán que celebra cada ano a asociación cultural O Coto no Colexio Carballal de Cabral. Nesta ocasión será mañá sábado 29 de maio a partires das 21:30 horas.
Unha novena edición na que, despois do éxito de participación de anos pasados, quéreselle agradecer aos veciños a colaboración e os ánimos para manter viva a tradición e aos grupos de pandereteiras, gaiteiros… que participan e que coas súas cantigas populares e a música tradicional fan pervivir no tempo unha parte importante do noso pasado. Por iso, están todos invitados a este novo serán no que a media noite servirase un aperitivo e chocolate quente para todos.
O serán era o modo de diversión e pasatempo dos antepasados dos galegos que ao son das pandeiretas, gaitas, pandeiros, cunchas e demais improvisados instrumentos os veciños facían as súas festas poñendo letra e melodías populares e bailando ata non poder máis. Non deixes de ir, pasaralo moi ben.