Deportes Vigo al minuto

Galicia, campiona de España sub 21 de taekwondo por equipos

Os nosos deportistas voltan a amosar de que son capaces. Galicia proclamouse campiona de España sub 21 na categoría masculina, logrou o bronce na categoría feminina e conseguiu a prata na clasificación xeral no campionato celebrado durante o fin de semana en Pilar de la Horadada (Alacante).

En total os deportistas galegos acadaron once medallas, aínda que foi o equipo masculino o que logrou un maior botín. Desta forma, no peso superlixeiro houbo dobrete galego con José Antonio Andrade (Mace Sport) e Ángel Parada (Natural) na  final. E aí Andrade non fallou e revalidou o título acadado o pasado ano en Ribeira, volvendo a proclamarse campión de España. Hai  que recordar que Andrade foi un dos galegos que quedou fóra da convocatoria española para o Europeo de Vigo do pasado ano e o deportista volveu a ser o mellor no  tapiz, mentres que Parada tivo que conformarse coa prata. Curiosamente, Andrade foi o único dos galegos que puido revalidar o título.

Houbo outro dobrete no podio, nesta oportunidade no peso galo: Manuel Barros (Mace Sport) logrou o ouro e Francisco Padín (Olimpic) conseguiu un bronce.  E houbo máis medallas para Galicia. Pablo Carou (Maniotas), no peso minimosca logrou unha medalla de prata, e tamén no peso lixeiro Raúl Bouzas (Olimpic) conseguiu a segunda posición no podio. Por último, destacar as medallas de bronce de Miguel Martínez (-50 quilos, Natural Sport),  Yelko Veiga (Area), no peso mosca e  peso pluma Gabriel Moral (Olimpic). Con estes resultados, Galicia proclamouse campioa de España na categoría masculina.

Na categoría feminina os resultados non foron tan bos como se esperaba e o equipo só logrou dúas medallas. Laura Lorenzo (Tao) conseguiu a medalla de ouro no peso minimosca, mentres que Ruth Docampo (Mat´s) no peso mosca logrou a medalla de bronce. Galicia ocupou a terceira posición  no podio feminino por equipos e na xeral Galicia é medalla de prata.

Puntuación incorrecta

No momento da entrega de medallas, a organización cometeu un erro na suma de puntuacións por equipos. En principio, Galicia ocupaba a terceira posición no equipo masculino e non tiña medalla no feminino nin na xeral, e esa puntuación non coincidía cos resultados acadados, motivo por el  que os técnicos galegos decidiron facer un reconto e descubriron que había varios erros nas puntuacións. Desta forma, Galicia é a campioa de España por equipos masculino, terceira no feminino e segunda na xeral.

You may also like