A vindeira semana comezarán os traballos de cimentación do edificio que albergará a nova Pinacoteca de Vigo co obxectivo é que a obra estea rematada a finais deste ano e a principios de 2011 se realice o traslado das obras. O eixo da actuación será a remodelación do Pazo de Arias Taboada, o máis antigo de Vigo, que permitirá realizar unha completa reestruturación dos espazos, que afectará fundamentalmente aos dous edificios anexos. O tenente de alcalde que hoxe visitou as obras, aalientou que o proxecto, cun orzamento aproximado de 3 millóns de euros, “contribuirá á recuperación e dinamización da parte alta do Casco Vello”.
A nova pinacoteca terá unha planta baixa e tres andares, unha entreplanta técnica e un cuarto andar que corresponde coa torre do pazo e a fachada se está desmontando para a súa reutilización. A planta baixa terá o seu acceso na fachada principal do pazo, albergará a recepción, o punto de encontro e terá dous espazos expositivos e unha galería. A seguinte planta acollerá a denominada sala nobre, que contará con tres salas expositivas e unha galería. O segundo e terceiro andar terán, cada unha delas, unha sala e unha galería. No soto, estarán os aseos e os espazos para o traballo do persoal. En total, a nova pinacoteca vai ter unha superficie construída de 1.542 metros cadrados e unha superficie expositiva de 1.475 metros cadrados.
Santiago Domínguez destacou que esta nova instalación cultural permitirá sacar á luz moitas obras que hoxe non se poden expoñer no Museo de Castrelos por falta de espazo e salientou que esta pinacoteca, xunto ao novo Centro Galego de Fotografía, así como os recuperados xacementos de Toralla e O Castro “completarán o plano museístico da cidade”.
Respecto ao inicio da segunda fase das obras no Casco Vello, que comezaron hoxe, o tenente de alcalde declarou que seguirán no 2011 e afirmou que o seu compromiso electoral “está cumprido” co inicio destas obras e que no seguinte mandato conseguirase o 100% da recuperación do barrio.