
Dúas propostas alternativas ao proxecto de humanización do Goberno local de Salceda. Iso é o que presentou hoxe o grupo municipal do PP, un proxecto que afecta ás rúas centrais Avenida de Galicia, Joaquín Fernández Sestelo e Victoriano Pérez para levar adiante unha humanización “dun xeito ordenado, no que convivan vehículos e peóns, evitando o caos circulatorio que é o que se producirá se se impide cruzar o centro”.
As modificacións ao proxecto presentado polo Goberno local centránse, sobre todo, na posibilidade de acceder ao centro da vila pola Avenida de Galicia, no aumento do número de prazas de aparcadoiro e na creación dunha zona verde, para unha maior rotación no aparcamento de vehículos que permitiría un estacionamento de 45 minutos cunhas 6 prazas en Joaquín Fernández Sestelo.
O PP propón gañar prazas desprazando á parte dianteira da Praza do Concello a zona de carga e descarga, onde tamén propoñen os colectores de lixo soterrados. A maiores, tamén se contempla a creación, nese mesmo punto aparcamentos para motocicletas e discapacitados.