A Festa da Coca segue cos seus festexos en Redondela. Despois da alborada e do desfile da Coca acompañada dos xigantes e cabezudos ao son das gaitas do grupo Os Alegres de Pontevedra e o traslado da virxe ‘A Gabacha’ da igrexa de Vilavella á igrexa de Santiago de Redondela escoltada pola danza de espadas e a Banda de Música Municipal de Redondela, ás 12 haberá a misa maior cantada en galego pola Coral Polifónica Santiago Apóstol de Redondela e a súa posterior procesión polas rúas decoradas con artísticas alfombras florais.
Ás 13 horas, chega o tradicional baile de homenaxe da danza de espadas e mailas penlas na Praza da Constitución.
Xa pola tarde, ás 17:30 horas, haberá balonmán na rúa na Pista da Xunqueira. A partires das 18 horas chega a Coca para nenos coa Ce Orquestra Pantasma e o seu espectáculo musical ‘A festa dos nenos’. Unha hora despois chega o circo con Os Perillas e a obra ‘Aceitunin’.
Xa para os maiores, ás 20 horas será o concerto a cargo da Banda de Música Municipal de Redondela na Praza da Constitución. E pola noite… festa! Ás 22 horas comezará a verbena na Praza da Ribeira amenizada pola orquesta Los Player’s. A disfrutar!