A mostra ‘89 km. Colección CGAC’ presenta por primeira vez en Vigo unha selección da que é, sen dúbida, a colección de arte contemporánea máis importante de Galicia. Un título da mostra que fai referencia á distancia existente entre Santiago e Vigo, que durante tres meses se converte nun percorrido de ida e volta para as obras. E poderá verse desde hoxe mesmo no Museo de Arte Contemporáneo da cidade.
O Centro Galego de Arte Contemporánea alberga, ademais da súa colección propia, os fondos da Colección Fundación ARCO, que se atopa en depósito no centro. Ambas as dúas coleccións son obxecto dunha relectura levada a cabo por Virginia Torrente, comisaria independente, que seleccionou un conxunto de pezas en gran parte descoñecidas para o público, nunha das posibles e múltiples lecturas que se poderían realizar desta colección.