Se eres fan de Serrat, naceras no Mediterráneo ou non, hoxe tes que conseguir o teu billete para poder velo ben preto en Vigo. Hoxe saen á venda as entradas para o concerto que o cantautor catalán dará no auditorio de Castrelos o vindeiro 22 de xullo (23 horas) e que xa podes conseguir por 10 euros en Servinova, na Central de Espectáculos ou chamando ao 902 504 500. Se esperas ata o día da actuación, ademais de correr o risco de que se agoten as 1.500 entradas, terás que pagar dous euros máis en taquilla.
A actuación contará cun sistema de son que alcanzará os 100.000 watios de potencia, mentres que o equipo de luz será de 200.000 watios. Estará apoiado con pantallas nas que se proxectarán audiovisuais relacionados cos temas, realizados por prestixiosos directores de cine. Ademais, Serrat estará acompañado por seis músicos, baixo a dirección ao piano do mestre Ricard Miralles.
Serrat chega a Vigo con novo neno baixo o brazo, ‘Hijo de la luz y de la sombra’, un disco no que pon música a poemas de Miguel Hernández no centenario do seu nacemento. Un traballo que complementa un LP publicado en 1972 adicado ao poeta de Orihuela.