
A Merce Cunningham Dance Company formouse no Black Mountain College no verán de 1953, data desde a que Cunningham coreografiou preto de 200 obras para a súa compañía. Non obstante, o seu interese pola tecnoloxía contemporánea impulsouno a traballar co programa informático “DanceForms”, que usou para realizar todas a súas danzas desde o traballo Trackers, en 1991. En 1997 empezou a traballar na captura de movementos para desenvolver o decorado para BIPED, interpretada por primeira vez en 1999.
A súa traxectoria profesional foi recoñecida internacionalmente con diferentes premios, entre os que destacan o Praemium Imperiale, que recibiu en Tokio en 2005, ou o nomeamento en Francia de comandante da Orde das Artes e das Letras en 1982. Falecido o pasado ano, a compañía pretende continuar o seu esforzo por compartir e preservar o seu legado e, durante este ano, presentará a súa obra póstuma en países coma Estados Unidos, Francia ou España.
Da man de Xacobeo 2010 terá Vigo como primeira das paradas o vindeiro 25 de xuño, cando actuará no Centro Cultural Caixanova. Alí a compañía representará o espectáculo “Nearly 902”, a creación final de Merce Cunningham e unha das súas máis inesquecibles pezas mestras. Creada pouco antes do seu falecemento, este traballo recolle o coñecemento e as prácticas de más de 70 anos de traxectoria profesional e representa o cumio da súa creatividade.
Entradas á venda