Os ‘Domingos de museo’ chegan de novo a Castrelos, nesta ocasión cun obradoiro no que Landriña descubre a mitoloxía. A mascota do museo propón unha nova ruta de 11:30 a 13:30 horas hoxe na que a través dos cadros e obxectos das coleccións os participantes poderán descubrir mitos e historias, así como os principais deuses e monstros xurdidos na mitoloxía occidental.
Durante a visita a mascota proporá varios xogos de observación relacionados coa temática deste domingo e, para rematar a visita, os nenos realizarán unha actividade relacionada coa creación e a orixe dos mitos no obradoiro.
O programa ‘Domingos de museo’ ten por obxectivo dar a coñecer o Museo da Cidade a todos os públicos. De carácter gratuito, esta actividade está dirixida a todos os nenos de entre 4 e 12 anos, aínda que os familiares que acompañan aos rapaces poden participar se queren.